O Redmi Note 7 poderá mercarse por a partires de 149 euros

mércores, 6 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Un dos smartphones do selo Redmi chamado a ser un supervendas é sen dúbida o Redmi Note 7, que presentouse en xaneiro en China, onde ten un prezo de saída de 999 iuans (132 euros), de aí que sorprenda que a súa chegada a España vaia ser cun incremento de prezo que nin sequera chega ao valor do IVE, xa que o seu modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento poderase mercar por 149 euros, mentres que por 199 euros poderemos facernos co modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento.
A data de lanzamento do Redmi Note 7 en España está fixada para o vindeiro día 14, e o que posiblemente sorprenda máis deste dispositivo é que pese ao seu prezo reducido ten uns acabados propios do que se espera dun móbil de 2019 e unha cámara traseira dual de 48 + 5 Mpíxeles.
Este atractivo móbil presenta unha pantalla Full HD+ de 6,3 polgadas cunha pestana superior de tipo pinga para albergar unha cámara frontal de 13 Mpíxeles con recoñecemento facial; funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660 de 8 núcleos; ten lector de pegadas dixitais na súa parte traseira; e como un grande reclamo para os compradores podemos destacar a súa batería de 4.000 mAh con carga rápida a través de USB-C.

PUBLICIDADE