O Redmi Note 7 terá cámara traseira de 48 Mpíxeles

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe o seu novo smartphone da súa serie económica, o Redmi Note 7, que en China vai saír á venda por 999 iuans (128 euros) pero que polo que resulta salientable é porque será estrea marca, xa que a partires de agora Redmi quere converterse nunha marca de móbiles económicos, mentres que Mi centrarase na gama alta, Black Shark no gaming e Pocophone nos móbiles de grande potencia con prezos axustados, conformando así unha estratexia coa que queren chegar a todo tipo de usuario dun xeito segmentado.
Pero por si mesmo o Redmi Note 7 tamén terá moito que dicir, xa que falamos dun smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 660 de 8 núcleos, con até 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD), pantalla de 6,3 polgadas cunha resolución de 2.340 x 1.080 píxeles cunha pestana superior centrada de tamaño reducido (tipo pinga), batería de 4.000 mAh (con carga rápida por USB-C) e un apartado fotográfico que sorprende para un móbil tan económico, xa que a súa cámara traseira dual ten unha resolución de 48 Mpíxeles no seu sensor principal (que aprovéitase para mesturar os píxeles de 4 en 4 para así conseguir imaxes de 12 Mpíxeles máis luminosas e nítidas) apoiado por un sensor secundario de 5 Mpíxeles. A cámara frontal confórmase cuns 13 Mpíxeles.
Cómpre salientar que o sensor de 48 Mpíxeles equipado é un G1 de Samsung, estando previsto que máis adiante saia á venda un Redmi 7 Pro cun sensor Sony IMX586.
O modelo que sae á venda en China por 999 iuans (128 euros) ten 3 GB de RAM e 32 GB de capacidade, mentres que por 1.199 iuans (154 euros) terá 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e, para poder contar con 6 GB de RAM haberá que pagar 1.399 iuans (179 euros).

O Remdi Note 7 opta por unha pestana superior de tipo pinga

PUBLICIDADE