O Rexistro galego de tumores tira proveito da IA

venres, 20 de setembro do 2024 Redacción

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta mañá no Complexo Hospitalario Universitario Ourense unha xuntanza con diversos especialistas do Rexistro Galego de Tumores (REGAT) para abordar a incorporación de técnicas de Intelixencia Artificial co fin de obter uns resultados máis exhaustivos da incidencia do cancro na nosa comunidade.
Acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, o titular da carteira sanitaria da Xunta incidiu na necesidade de “aproveitar todo o potencial que nos achegan as novas tecnoloxías”, pois a súa incorporación ao REGAT, abundou, “permitirá avanzar na vixilancia dos tumores, medir con maior precisión o seu impacto e adecuar a xestión sanitaria aos casos reais”.
Na mesma liña, salientou que o procesamento de linguaxe natural reforzará o Rexistro Galego de Tumores, destacando as melloras que suporá na relación de variables vinculadas á incidencia, mortalidade e á supervivencia de cada tipo de cancro.
Na reunión desta maña, participaron entre outros especialistas, a xefa do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUO, María Sande Meijide, o xefe de Servizo de Oncoloxía, Jesús García Mata; e a directora xeral do Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades (CEGACE), Marta Piñeiro Sotelo.