O Rotary Club Ferrol distingue a dous alumnos do Campus de Ferrol polo seu videoxogo Camiño ao fogar
xoves, 10 de xullo do 2025

- Á esquerda, Gael Alberto Quintela, e á dereita, Álvaro Martos Suero, os alumnos do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que gañaron o XXIV Premio Amizade que outorga o Rotary Club Ferrol
Gael Alberto Quintela (Vigo - 1999) e Álvaro Martos Suero (Mairena del Alcor, Sevilla – 1999), alumnos do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), veñen de gañar o XXIV Premio Amizade que outorga o Rotary Club Ferrol co videoxogo Camiño ao fogar, un título ideado para ser aplicado nas sesións de terapia ocupacional.
Tal e como explican os dous estudantes do Campus Industrial de Ferrol, o xogo, nado como un Proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS), está pensado para aquelas persoas usuarias da área de psiquiatría nun hospital de día ou persoas ingresadas durante un período longo de tempo, co obxectivo de facilitarlles a súa volta ao fogar mediante o reforzo de hábitos relacionados coas actividades do día a día. Ademais do correspondente diploma acreditativo, ambos os dous alumnos da Universidade da Coruña (UDC) recibiron un cheque por un valor de 1.500 euros.
No caso de Gael Alberto Quintela esta non é a primeira vez que gaña un premio destas características. No ano 2024, este alumno da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) fíxose tamén co primeiro galardón nos Premios Xuventude Crea 2024, na categoría de Creación de Videoxogos, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, e con esa mesma distinción no Festival Novo Enfoque, na categoría de Videoxogos, impulsado polo alumnado e o alumnado egresado da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña (UDC), con Maestosia, un videoxogo no que experimenta coa música e o son como mecánicas xogables, abordando a saúde mental como tema principal.
