O SERGAS integrará IA nas unidades de críticos

luns, 10 de xuño do 2024 Redacción

O Consello da Xunta abordou na súa reunión de hoxe un informe sobre a tramitación do acordo marco por dous anos para a adquisición do sistema que permitirá informatizar todas as unidades de críticos dos hospitais do Servizo Galego de Saúde por un valor estimado de 2,4 millóns de euros, un proxecto cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.
Coa dixitalización dos datos dos pacientes en estado grave ou moi grave será posible incorporar modelos de intelixencia artificial cos que aplicar algoritmos preditivos, incorporar un sistema de xestión de alertas e eventos que permita coñecer ao instante o estado do paciente. Isto axudará á toma de decisións do persoal sanitario e a dotar as unidades da capacidade para realizar análise de datos para a elaboración de estudos e investigacións ou para o desenvolvemento de protocolos de atención.
Actualmente, os hospitais públicos das áreas sanitarias de Vigo e da Coruña e Cee contan con sistemas de informatización nas unidades de críticos e as cinco áreas restantes dispoñen de dispositivos e equipamentos de distintos fabricantes e con diferentes capacidades de envío automático de datos. Polo tanto, o proxecto do Servizo Galego de Saúde inclúe a integración destes equipamentos para a incorporación automatizada dos datos xerados.
As unidades de críticos (UCI de adultos polivalente, UCI coronaria, UCI pediátrica, UCI neonatal, unidades de anestesia e reanimación poscirúrxica ou unidades de críticos nos servizos de urxencias) requiren do rexistro e almacenamento da información volátil procedente de sistemas de monitorización e dispositivos electromédicos. En concreto, a monitorización hemodinámica (por exemplo, tensión arterial), respiratoria (aire expirado ou sistemas de ventilación mecánica), neurolóxica (datos de electroencefalograma), neuromuscular (perda transitoria de consciencia), de temperatura ou medicacións (recollida de datos procedentes de bombas de infusión intelixentes).
O sistema realizará unha recollida e tratamento de toda a información relativa á situación do paciente, en tempo real e de forma automatizada. Desta forma, será posible incluír estes datos na historia clínica electrónica do paciente, compartir a información con profesionais do Servizo Galego de Saúde máis aló das unidades de críticos, facilitará a organización da rotación do persoal das unidades e permitirá empregar sistemas de axuda á toma de decisións.
Unha vez se formalice o contrato este ano, o sistema de información instalarase en todos os hospitais das áreas sanitarias de Ferrol; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Santiago de Compostela e Barbanza ao longo dos anos 2025 e 2026.