O Safari 4 convértese nunha versión do Google Chrome con Cover Flow

mércores, 25 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

O cambio de interface na versión de Windows entre o Safari 3 e o 4 absoluta

A guerra dos navegadores web non cesa, e a poucos días do lanzamento do Internet Explorer 8, dende Apple lanzan a versión de proba do Safari 4, navegador por defecto en Mac OS X pero que tamén conta con versión para Windows, e que incorpora interesantes novidades.
Por unha banda, o Safari 4 presume do uso do motor Nitro, que permitiría a execución de código javascript 30 veces máis rápido que o Internet Explorer 7 e 3 veces máis rápido que o Firefox 3, aínda que ese factor non é algo que se vexa a simple vista, mentres que o resto de funcionalidades novas son claramente rechamantes, pois incorpora o Cover Flow, ao que podemos estar afeitos polo seu uso en iTunes para presentar as portadas dos discos que teñamos almacenados no noso equipo, pero para presentar miniaturas das páxinas web que teñamos en Favoritos ou no Historial.
Cando abrimos unha nova pestana no navegador tamén parece unha selección dos Top Sites, as nosas páxinas de referencia (o que tamén facía o Chrome de Google), presentadas tamén dun xeito moi visual (coma un mural tridimensional). As pestanas tamén cambian de presentación, e agora teñen unha disposición que fai que o Safari conte cunha aparencia moi semellante ao Google Chrome. As semellanzas con Chrome tampouco deberían sorprender, pois ambos navegadores están baseados en WebKit, ou sexa, que teñen o mesmo motor de interpretación de páxinas web.
Os usuarios de Windows tamén notarán que finalmente a interface de Safari non imita a unha aplicación para Mac OS X, e respecta a aparencia dos programas para Windows, cunha boa integración no escritorio.

O Safari 4 utiliza tecnoloxía Cover Flow para explorar os nosos Favoritos e o Historial de navegación

As semellanzas entre Google Chrome e o Safari 4 son máis que notables

PUBLICIDADE