O Salón do Libro de Pontevedra estrea web

venres, 27 de outubro do 2017 Redacción

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra vén de estrear nova web en salondolibro.gal. A páxina foi presentada este 26 de outubro pola concelleira de Cultura, Carme Fouces, salientando o principal obxectivo do sitio acabado de estrear: que o salón achegue unha imaxe máis moderna e adaptados aos tempos. Amais disto, preténdese contribuír a seguir facendo comunidade arredor do evento literario pontevedrés e da literatura galega en xeral, cousa que se complementa coa creación dun club de lectura formado por 12 persoas entre as que se atopan libreiros/as, bibliotecarios/as, docentes e xornalistas da cidade. “A nosa intención”, dixo, “é crear unha rede na cidade que teña continuidade e percorrido, e que chegue a funcionar case dun xeito automático”.
Volvendo á páxina acabada de estrear (e con dominio galego), a intención é que “sexa un escaparate ao mundo do que é o Salón e que se converta tamén nunha fonte de recursos para os centros escolares”. Segundo indicou Fouces, contará cun apartado de TeleSalón, Podcasting e Clubes de lectura “que se irán enchendo co contido que produzan os centros logo de asistir aos tres cursos formativos que se impartirán en novembro, dous deles a través do apartado de Audiovisuais da Universidade (TeleSalón e Podcasting)”.
O resto dos apartados da web están destinados ao Concurso Internacional de Ilustración, á vindeira edición de Mulleres de Conto (fío temático da convocatoria 2018 do Salón), ao país convidado na vindeira edición do evento (México), ás anteriores edicións do encontro literario pontevedrés e a facilitar aos centros unha bibliografía, realizada por Gálix.
Para quen non o saiba, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra naceu en 1999 como “un sinal de identidade” e, en palabras do Concello, “unha maneira de construír unha cidade ao redor das crianzas”. A aposta do Goberno local baséase no seguinte: no convencemento de que os libros e a lectura, sobre todo nas primeiras idades, son a “mellor maneira que temos de transformar a nosa realidade para crear outra máis xusta e máis libre”.

PUBLICIDADE