O Samsung Galaxy Fold chegará as tendas en poucas semanas

xoves, 9 de maio do 2019 Marcus Fernández

O adiamento sine díe do lanzamento do Samsung Galaxy Fold tras aparecer problemas de fraxilidade coa súa pantalla, levou a que moitos temesen que os smartphones con pantalla encartable puidesen perigar como produtos de mercado que pretenden crear unha nova categoría ao longo do presente ano, pero semella que a situación é menos grave do que parecía, e hai esperanza en que o Galaxy Fold vexa pronto a luz se atendemos ás páxina de The Korea Herald, publicación que asegura que o lanzamento smartphone encartable de Samsung é inminente.
O medio coreano contactou co director xeral de Samsung, Koh Dong-jin, quen tería asegurado hoxe mesmo que xa analizaron os problemas que provocaron que se estragasen varias pantallas das primeiras unidades do Galaxy Fold remitidas a prensa e youtubeiros, e estarían xa a planificar o novo calendario de lanzamentos do produto, para o que non só teñen que reforzar a pantalla do produto, senón tamén volver pasar as certificacións e probas para que o produto poida saír oficialmente á venda.
Aínda que chegou a comentarse que a data de lanzamento do Galaxy Fold se anunciaría mañá mesmo, voceiros de Samsung aseguran que o dispositivo chegará ao mercado «nas vindeiras semanas», sen concretar unha data, pero deixando claro que o produto non está cancelado (como chegaron a temer os máis catastrofistas).

PUBLICIDADE