O Samsung Galaxy Fold sae á venda en España

venres, 18 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Esta mañá púxose á venda en España o primeiro smartphone con pantalla flexible do mercado, o Samsung Galaxy Fold, que conta con existencias en tendas seleccionadas de El Corte Inglés, Telefónica e Orange nas súas versións en cor negra ou prata e cun prezo de venda ao público de 2.020 euros.
Estamos ante un dispositivo moi exclusivo e innovadora, que destaca pola súa pantalla flexible Infinity Flex Display de 7,3 polgadas, que grazas ao software desenvolvido entre Google e Samsung pode gozar dunha experiencia de fiestras múltiples que facilita a realización de varias tarefas á vez, conseguindo tamén unha transición perfecta entre a grande pantalla flexible interior e a pantalla secundaria externa de 4,6 polgadas.
Aínda que a pantalla flexible é o seu sinal de identidade, o Galaxy Fold tamén destaca polas súas grandes prestacións, ao contar con procesadores de última xeración, 12 GB de RAM, 512 GB de almacenamento interno, un sistema de dobre batería que garante unha boa autonomía, carga sen fíos reversible e un sistema de 6 cámaras: unha cámara sinxela de 10 Mpíxeles para selfies, unha cámara dual de 10 + 8 Mpíxeles para selfies, e unha cámara tripla de 16 + 12 + 12 Mpíxeles (con varias distancias focais en cada obxectivo) que ofrecen un nivel fotográfico comparable ao Galaxy Note10 ou a Galaxy S10+. Un grande dispositivo que terá que superar agora a dura proba do público, que comprobará en primeira persoa a resistencia da pantalla flexible e da versatilidade desta proposta que podería marcar o camiño para toda unha categoría de produtos.

Un dos vídeos promocionais do Samsung Galaxy Fold

ACTUALIZACIÓN: Samsung confirmou que as primeiras unidades do Galaxy Fold postas á venda esta mañá esgotaron existencias grazas á súa elevada demanda por parte de usuarios que querían ser os primeiros en gozar deste smartphone revolucionario. Aseguran que nos vindeiros días volverán a abastecer de unidades aos puntos de venda seleccionados que puideron contar con este smartphone o día de hoxe.
O vicepresidente corporativo de Samsung España, Celestino García, asegurou que «a alta demanda do Galaxy Fold pon de manifesto o desexo e o interese pola innovación e a tecnoloxía de futuro que existe no noso país. Moi pronto o Galaxy Fold estará de novo dispoñible para todas as persoas que queiras gozar esta nova experiencia móbil».

PUBLICIDADE