O Samsung Galaxy M11 terá batería de 5.000 mAh

luns, 30 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Aínda que os móbiles da familia Galaxy M, con grande autonomía e orientada a un público mozo, tenden a estrearse na India, no caso do Samsung Galaxy M11 o lanzamento realízase inicialmente en Emiratos Árabes, o que sorprende bastante, xa que estamos ante un dispositivo de entrada, polo que parecería máis razoable que chegase inicialmente a algún mercado emerxente.
O Samsung Galaxy M11 é un smartphone de prestacións bastante discretas, como son unha pantalla de 6,4 polgadas cunha resolución de 1.560x720 píxeles, cámara traseira tripla cun sensor principal de 13 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles agochada nunha perforación en pantalla, 3/4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 512 GB), conectividade 4G, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, lector de pegadas traseiro, toma para auriculares e, como punto forte, unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 15 watts, que debería ser dabondo para un uso intensivo.
Este produto resulta un tanto curioso, xa que a cámara frontal está agochada nun orificio na parte superior esquerda da pantalla TFT, cando tal característica normalmente limitábase a pantallas OLED e a dispositivos dunha gama máis alta.

PUBLICIDADE