O Samsung Galaxy M30s terá batería de 6.000 mAh

mércores, 18 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A familia de smartphones Galaxy M comeza a súa renovación, e hoxe mesmo presentan na India os modelos Galaxy M10s e M30s, destacando este último por integrar unha batería de 6.000 mAh, de xeito que sería capaz de reproducir até 29 horas de vídeo cunha única carga. Precisamente para que a carga deste terminal non se eternice, pode cargarse por USB-C a 15 watts.
O Samsung Galaxy M30s ten unha pantalla Super AMOLED Infinity U Full HD+ de 6,4 polgadas, procesador Exynos 9611, cámara traseira tripla (de 48, 8 e 5 Mpíxeles), cámara frontal de 16 Mpíxeles, lector de tarxetas microSD de até 512 GB e dúas configuracións: unha con 4 GB de RAM LPDDR4X e 64 GB de almacenamento interno UFS 2.1 que venderase a 13.999 rupias (178 euros) e outra con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, que venderase por 16.999 rupias (216 euros). Pese á súa xigantesca batería, contén o seu grosor en 8,9 milímetros e o seu peso en 188 gramos. Poderá mercarse na India a partires do 29 de setembro, e debería estar dispoñible en Europa dentro de poucas semanas.
Pola súa banda o Samsung Galaxy M10s é un terminal moito máis modesto, con pantalla Super AMOLED Infinity V HD+ de 6,4 polgadas, procesador Exynos 7884B, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, batería de 4.000 mAh e un prezo de 8.999 rupias (114 euros).

PUBLICIDADE