O Samsung Galaxy M31 presume de cámara cuádrupla e batería de 6.000 mAh

mércores, 29 de abril do 2020 Marcus Fernández

Os usuarios que buscan que os seus smartphones teñan principalmente unha boa autonomía teñen un novo teléfono de Samsung que pór no seu punto de mira, xa que veñen de anunciar a chegada a España do Samsung Galaxy M31, que como bandeira ten unha batería de 6.000 mAh con carga rápida de 15 watts, e a partir do 6 de maio poderemos mercar por 279 euros en Amazon e na tenda en liña de Samsung.
O Samsung Galaxy M31 está equipado cunha pantalla Super AMOLED Infinity-U Full HD+ de 6,4 polgadas, ten son Dolby Atmos, lector de pegadas traseiro, funciona cun procesador de 8 núcleos Exynos 9611 e 6 GB de RAM, e os 64 GB de almacenamento poden ampliarse mediante tarxetas de até 512 GB. Funciona con Android 10 e incluso ten dobre SIM. A nivel de cámaras presume dunha cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles, unha cámara macro de 5 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 5 Mpíxeles, podendo gravar vídeo 4K e incluso facer hyperlapses e gravacións en cámara lenta, así como gozar dun modo súper estable. No caso da cámara frontal de 32 Mpíxeles, que inclúe modo nocturno para disparar fotografías con pouca luz, inclúese tamén gravación de vídeo 4K e selfies a cámara lenta.
Pese á súa xenerosa batería, o Galaxy M31 consegue conter o seu grosor en 8,9 milímetros e o seu peso en 191 gramos, de xeito que ten un agarre confortable.

O Galaxy M31 conta cunha cámara traseira moi completa

PUBLICIDADE