O Samsung Galaxy Note8 terá dobre cámara e Pantalla Infinita de 6,3 polgadas

mércores, 23 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Tras os problemas coas baterías incendiarias do Galaxy Note7 parecía que a propia liña de móbiles Note de Samsung podería chegar a desaparecer, pero pese aos perigos de usar un Note7 había usuarios que resistíanse a desfacerse del, polo que ao final Samsung decidiu manter a serie de teléfonos con S Pen nacida en 2011, de xeito que hoxe xa é oficial o Samsung Galaxy Note8.
O Note8 non só continúa o camiño iniciado polo Note7, senón que tamén abraza as innovacións introducidas polos Galaxy S8 e S8+, ou sexa, que temos así un smartphone con Pantalla Infinita de 6,3 polgadas (cun panel Super AMOLED de 2.960 x 1.440 píxeles) que ao contar con lapis dixitalizador ofrece grandes posibilidades, como a utilización de dúas aplicacións á vez en pantalla dun xeito cómodo. O S Pen tamén pode empregarse para crear mensaxes vivas (imaxes GIF animadas nas que ver texto animado ou procesos de debuxado) e, como xa pasaba co Note7, conta tamén coa posibilidade de marcar texto para poder traducilo automaticamente a 71 idiomas ou para converter unidades de medida ou calcular o cambio de moedas.
Cando o Galaxy S8 chegou ao mercado non foron poucos os que botaron en falta a dobre cámara traseira, por ser a tendencia actual no mercado, e finalmente é o Note8 o primeiro móbil de Samsung o que conta con dobre cámara, o que conseguiron facer de xeito exemplar, xa que as súas dúas cámaras traseiras de 12 Mpíxeles incorporan estabilización óptica de imaxe, o que podería supor unha mellora considerable das imaxes tanto coa cámara de grande angular como empregando a que definen como de teleobxectivo. Estas cámaras gozan de lentes f/1.7 e f/2.4 e sensor Dual Pixel, e conseguen o equivalente a facer un zoom óptico de 2x, e outro detalle a salientar é que o seu sistema de enfoque selectivo, ideal para retratos nos que queiramos que o fondo apareza desenfocado, poderá axustarse a posteriori. Tamén sorprende a función Dual Capture, coa que tras encadrar unha fotografía coa cámara traseira normal poderase ver tamén a imaxe que capta a cámara de grande angular, de xeito que así poderase gozar dos momentos que poderían haberse perdido. A cámara frontal é de 8 Mpíxeles con apertura f/1.7, o que tamén consegue uns selfies bastante
Outros detalles destacables do Note8 é que é resistente á auga e ao po (IP68), conta con carga rápida sen fíos, incorpora numerosas tecnoloxías de seguridade (escaneo de iris e de pegadas dixitais e Samsung Knox), é compatible coas bases Samsung DeX (que permiten empregar o teléfono como se fose un ordenador de escritorio) e incluso pode presumir de moita capacidade (inclúe 6 GB de RAM e a súa memoria poden ampliarse con tarxetas de até 256 GB).
Desta volta Samsung non parece querer arriscarse coa batería, e conformouse cunha de 3.300 mAh, e como sorpresa para moitos, o dispositivo chegará a España tanto na súa edición tradicional (a que previsiblemente comercializarán os operadores de telecomunicacións) como no seu modelo Dual SIM, confiándose en que chegue ao mercado o 12 de setembro, estando xa aberto o seu proceso de reserva a través da páxina web de Samsung e de numerosos distribuidores.
O prezo oficial ao que chegará a España o Sasmsung Galaxy Note8 con 64 GB de almacenamento interno é de 1.010,33 euros, o que supón unha grande aposta para o fabricante surcoreano, xa que superar a barreira dos mil euros nun smartphone é algo complicado para un teléfono con Android, pese a que estamos ante o que claramente é o teléfono móbil máis completo do mercado, e ante o que o vindeiro iPhone terá as cousas complicadas para competir.

O Samsung Galaxy Note8 estará dispoñible en 4 cores distintas

Vídeo de presentación do Galaxy Note8

PUBLICIDADE