O Samsung Galaxy S II vístese de rosa para San Valentín

luns, 23 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Segundo vai achegándose o mes de febreiro volven a xurdir informacións de dispositivos electrónicos que queren aproveitar a data para estrear dispositivos orientados a un público feminino co gallo do Día de San Valentín, e precisamente nesa liña temos que algúns distribuidores están a confirmar a chegada a Europa dunha versión do popular móbil Samsung Galaxy S II (posiblemente o segundo terminal máis popular do mercado) que, como non podía ser doutro xeito, contará cunha carcasa de cor rosa.
Actualmente o Samsung Galaxy S II está a venderse moi ben nas súas cores negra e branca, pero hai poucas dúbidas sobre o éxito que pode ter unha versión rosa de cara ao Día dos Namorados.
Este móbil conserva as súas espectaculares prestacións (procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, pantalla Super AMOLED Plus de 4,27 polgadas, cámara de 8 Mpíxeles e 16 Gb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD), que xunto coa sona de ser a principal alternativa ao iPhone 4S está a valerlle un éxito comercial difícil de prever hai uns meses, cando Android non parecía estar á altura de iOS.

O único cambio do novo modelo do Samsung Galaxy S II é estético

PUBLICIDADE