O Samsung Galaxy Watch 4G funcionará con Orange

xoves, 6 de setembro do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada confirmábanse que os smartwatches Samsung Galaxy Watch chegarían a España o 18 de setembro en modelos co caixa de 42 e 46 milímetros a uns prezos de 309 e 329 euros respectivamente, á vez que se adiantaba que sería Orange a compañía que favorecería a comercialización dos modelos con 4G, e finalmente esta última información confirmouse, e na propia páxina web de Samsung aparecen os Galaxy Watch 4G de 42 e 46 milímetros a uns prezos de 379 e 399 euros respectivamente, ou sexa, que dotar a estes reloxos de banda larga móbil ten un sobrecusto de 70 euros. Con eses prezos en reserva Samsung entregará aos compradores uns auriculares sen fíos JBL Under Armour valorados en 159 euros.
Polo momento estes reloxos só se comercializan para Orange porque é a única operadora de telecomunicacións que dá soporte oficial para eSIM, como vén facendo dende hai tempo co Huawei Watch 2 titanium. O operador tamén introduce os Galaxy Watch no seu catálogo, facilitando así a súa compra aprazada coas súas distintas tarifas a un prezo máis asumible que o oficial e, de feito, de querer adquirilo ao contado Orange véndeo 36 euros máis caro do prezo oficial.
O Galaxy Watch é un smartwatch moi completo e con grande autonomía, que pode aproveitarse para realizar pagamentos contactless e que, de contar coa versión 4G, serve para gozar das súas prestacións sen ter que levar o smartphone enriba, podendo incluso recibir chamadas telefónicas e mensaxes de texto, o que para moitos é o grande reclamo para facerse cun destes trebellos, xa que permite saír de casa a practicar deporte sen ter que cargar co teléfono.

Os modelos 4G do Galaxy Watch xa figuran na páxina web de Samsung

PUBLICIDADE