O Samsung Galaxy Z Fold terá unha edición especial máis delgada

luns, 21 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Aínda que Samung xa nos ten afeitos a lanzar versións Fan Edition (FE) dos seus móbiles insignia, cunhas prestacións lixeiramente inferiores para poder ter un prezo máis axustado, desta volta colleu un camiño distinto e o vindeiro venres vai pór á venda en Corea do Sur e China o Galaxy Z Fold Special Edition (SE), que será unha versión mellorada do encartable que está á venda actualmente.
O Galaxy Z Fold Special Edition sería unha revisión do Galaxy Z Fold6, sorprendendo por reducir o seu grosor en 1,5 milímetros e o seu peso en 3 gramos, mellorando lixeiramente os seus tamaños de pantallas (até 8 e 6,5 polgadas), pasado de ter un sensor de cámara principal de 50 a 200 Mpíxeles e incluso incrementando a súa RAM até uns xenerosos 16 GB. Venderase con 512 GB de almacenamento a un prezo de 2.789.600 iuans (1.870 euros).
Resulta curioso que esta versión mellorada do Galaxy Z Fold6 non vaia venderse inicialmente en Europa, e probablemente responda ao feito de que no noso mercado os móbiles con este formato son pouco populares, mentres que nos mercados asiáticos gozan de mellor cota de mercado e bastante competencia.