O Samsung Galaxy Z TriFold custará 2.899 dólares nos EE.UU.

martes, 27 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

En decembro Samsung puxo á venda en Corea do Sur o seu smartphone encartable con formato de tríptico, o Galaxy Z TriFold, que destaca por funcionar cunha pantalla exterior de 6,5 polgadas cando está pechado e cunha pantalla encartable de 10 polgadas cando está aberto, conseguindo así alternar entre a experiencia dun móbil e a dunha tableta.
Este teléfono chegou ao mercado natural de Samsung a un prezo de 3.594.000 wons (2.091 euros ao cambio), o que se rumoreaba que era unha venda a perdas, o que parece confirmarse ao anunciarse a chegada do dispositivo ao mercado estadounidense o vindeiro venres a un prezo de 2.899 dólares (2.417 euros ao cambio, aos que habería que engadir os impostos), o que nos leva a entender que se o Galaxy Z TriFold chega a Europa, o seu prezo estará máis preto dos 3.000 que dos 2.000 euros.
O feito de que o prezo do teléfono sexa tan elevado é todo un atranco para a súa expansión internacional, pois resulta bastante complicado que os consumidores realicen unha adquisición tan importante, especialmente se falamos dun dispositivo que practicamente inaugura unha categoría de produto, de aí que non estea garantido que o Galaxy Z TriFold vaia comercializarse en toda Europa, o que pode lembrarnos ao que acontece con Apple Vision Pro, produto que incluso recibiu unha actualización de procesador, e segue sen venderse no noso territorio (aínda que hai informacións que apuntan a que chegará ao noso mercado este ano).