O Servizo Galego de Saúde contará cun sistema informático para a análise xenómica

luns, 17 de marzo do 2025 Redacción

A Consellería de Sanidade trasladou hoxe ao Consello da Xunta un informe sobre a contratación, por importe de 2.940.234,66 euros e un período de tres anos, dos servizos necesarios para a posta en marcha da plataforma tecnolóxica de nova xeración Xénica, que permita xestionar a crecente demanda de medicina xenómica no Servizo Galego de Saúde.
O laboratorio da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, como instrumento de apoio á atención sanitaria do Servizo Galego de Saúde, precisa desta plataforma tecnolóxica para dar resposta ás peticións de estudos xenómicos para diagnose e seguimento de patoloxías relacionadas coa herdanza xenética, como enfermidades raras ou cancros.
En 2024, o Servizo Galego de Saúde chegou a realizar 38.000 estudos xenéticos por petición dos facultativos. A través de mostras de sangue, de tumores ou biopsia líquida, tanto os servizos de anatomía patolóxica como de hematoloxía dos hospitais públicos e a Fundación Xenómica realizan os estudos solicitados. As probas xenéticas tamén poden ser solicitadas por persoal investigador.
O uso do novo sistema de información contribuirá a reducir e optimizar os tempos de obtención de resultados. Ao mesmo tempo, aumentará a precisión e a calidade dos resultados para aplicar a cada paciente o tratamento máis axeitado, na dose e no momento óptimos.
A nova plataforma dará resposta, ademais, ás necesidades do proxecto Xenoma Galicia. Este proxecto pioneiro da Xunta suporá recadar datos xenéticos e clínicos de 400.000 persoas de 35 a 70 anos e crear un biobanco de mostras biolóxicas de 100.000 destas persoas.
O sistema informático específico para a análise xenómica, a integración de datos clínicos, ferramentas de visualización e xeración de informes permitirá cumprir os requisitos do proxecto SiGenES (Sistema de información para a integración da información xenómica a nivel nacional) e posibilitará que a información xenómica do Servizo Galego de Saúde sexa interoperable en toda España.
Polo tanto, a través de Xénica integrarase nun único punto toda a xestión das mostras xenómicas dixitais e será posible acceder ao dato fonte para a súa reutilización se for necesario noutro momento. Deste xeito, evítase a dispersión organizativa e tecnolóxica e avánzase na Estratexia de medicina de precisión de Galicia.
Este proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.