O Servizo Galego de Saúde convoca concurso-oposición para o ingreso como persoal estatutario fixo en diversas categorías de sistemas e tecnoloxías da información

xoves, 24 de xullo do 2025 Redacción

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria do concurso-oposición para o ingreso nas categorías de técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información.
Ofértanse 23 prazas, das cales 5 corresponden á categoría de técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información (2 pola quenda de acceso libre e 3 por promoción interna), 9 á categoría de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información (4 pola quenda de acceso libre e 5 por promoción interna) e 9 á categoría de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4 pola quenda de acceso libre e 5 por promoción interna).
Quen desexe participar no proceso selectivo deberá cubrir unha única solicitude de participación, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE). O prazo de inscrición de participación no proceso comeza o 28 de xullo e remata o 15 de setembro de 2025.
Os participantes neste proceso selectivo deberán posuír, na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e na toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución da convocatoria.
Os méritos a ter en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.