O Servizo de Emprego do Clúster TIC inicia a súa actividade con máis de 260 vacantes
xoves, 13 de xullo do 2023
O
Clúster TIC Galicia activou o seu Servizo de Emprego e fíxoo con
máis 260 vacantes de empresas asociadas. O servizo foi posto en
marcha en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade da
Xunta. Polo momento, recolléronse postos sen cubrir de 40 dos 135
socios, polo que a entidade prevé que a cifra se incremente de forma
considerable a medida que todas as firmas indiquen as súas ofertas
de perfís tecnolóxicos.
“Necesitamos
datos actualizados de vacantes no sector en Galicia e indicadores
fiábeis que nos axuden a identificar, por un lado, talento
cualificado, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, e por
outro, aqueles perfís que son moi difíciles de atopar”, sinala
Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.
O
novo Servizo de Emprego do Clúster TIC Galicia ten como obxectivo
“axudar ás empresas tecnolóxicas a atopar o talento cualificado
que precisan e que non conseguen cubrir”, polo que estas ofertas
laborais recolleranse, ademais, nun portal de emprego que a entidade
lanzará en datas vindeiras. Deste xeito, tanto as firmas TIC como os
profesionais do sector poderán publicar e consultar as vacantes nun
único espazo, facilitando así a procura de emprego. “Con esta
finalidade, tamén se colaborará coas asociadas especializadas en
selección de persoal”, engadiu o presidente do Clúster, apuntando
que todos os datos obtidos serán compartidos co Servizo Público de
Emprego de Galicia “coa finalidade de axudar a establecer políticas
de formación orientadas a estas ofertas, así como para a mellora do
sistema”.
O
50% das vacantes son de expertos en desenvolvemento de software, das
cales, o 70% corresponden a profesionais en desenvolvemento de
software na nube e o 30% restante a perfís de interface de usuario
e deseñadores gráficos. Ademais, o Clúster informou que un 15% son
postos sen cubrir como administradores de sistemas, un 10% de
analistas e xefes de proxecto e o 25% restante de profesionais de Big
Data e Intelixencia Artificial, ciberseguridade e
calidade de software.
Outro
dos obxectivos do novo Servizo de Emprego, ademais de identificar as
ofertas, é “recompilar información de diversa índole relacionada
co ámbito laboral no sector TIC galego: o emprego creado, o tempo
medio de recrutamento, as principais fontes de selección de persoal,
a rotación no sector, os salarios medios por posto, etc”.
Antonio
del Corral engadiu que “con estes datos, sobre todo cos de
capacidades e ocupacións, poderemos propoñer a distintas
institucións galegas a creación de formacións específicas
adaptadas aos postos que necesitamos cubrir: certificados de
profesionalidade, ciclos de formación profesional, aumento das
prazas en distintas facultades, etc.”.
Tamén
informou que outra das accións que contempla o servizo é “exercer
como intermediario nos programas de carácter autonómico Retorna
Cualifica Emprego, para incorporar talento migrante residente no
exterior ao mercado laboral galego, e Xuventude Mentoring, para
ofrecer asesoramento e apoio a alumnado egresado”. Traballará
tamén na procura de eventos do sector fóra da Comunidade para crear
unha marca simbólica propia de Galicia TIC, que contribúa a atraer
talento nacional ás empresas tecnolóxicas galegas.