O Sony Xperia 1 III terá pantalla 4K a 120 Hz

mércores, 14 de abril do 2021 Marcus Fernández

Os móbiles Sony Xperia 1 son os buques insignia da división de smartphones de Sony, e aínda que non teñen unha grande presenza no mercado, sempre saben destacar tecnicamente, como está a facer o novo Sony Xperia 1 III, que é o primeiro smartphone con Android en incorporar unha pantalla OLED con resolución 4K e velocidade de refresco de 120 Hz, destacando tamén polas súas cámaras e polo seu apartado sonoro.
A pantalla de 6,5 polgadas deste smartphone ten unha relación de aspecto 21:9 (ou sexa, formato cinematográfico), casando coas súas intencións videográficas (pode gravar vídeo coa tecnoloxía CineAlta), para o que incluso pode presumir dun calibrado de cor profesional que permite gozar de imaxes fieis ás intencións dos creadores, xa que a reprodución de vídeo é equiparable á dos monitores de cor profesionais de Sony.
Tamén conta con Dolby Atmos, 360 Reality Audio e incluso conector para auriculares, para poder así gozar de son de alta fidelidade.
Este smartphone 5G ten tamén conectividade Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2, grande potencia grazas ao seu procesador Qualcomm Snapdragon 888, 12 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno, batería de 4.500 mAh que pode cargarse até o 50% en só 30 minutos, resistencia IP65/68 á auga e ao po, e un apartado fotográfico baseado na tecnoloxía profesional das cámaras Alpha. O Xperia 1 III pode presumir da súa cámara traseira tripla con ópticas calibradas por ZEISS, combinando sensores de 12 Mpíxeles en 3 obxectivos apoiados por un sensor de profundidade. O sensor principal ten unha óptica de 24 milímetros e apertura f/1.7, o grande angular de 16 milímetros presenta unha apertura f/2.2, pero o máis rechamante e o seu teleobxectivo, xa que permite cambiar entre unha focal de 70 mm e outra de 105 mm, polo que pode adaptarse a gravacións a distintas distancias. No que respecta ao vídeo, pode gravar en 4K con HDR até a 120 imaxes por segundo.
Na súa cámara frontal limítase a un sensor de 8 Mpíxeles cunha apertura f/2.0 e un campo de visión de 78 graos.
En calquera caso, este produto aínda non ten fixado un prezo e unha data de lanzamento, prevéndose que chegue ao mercado no verán.

O Sony Xperia 1 III venderase en 3 cores distintas

Vídeo promocional do Sony Xperia 1 III

PUBLICIDADE