O Sony Xperia sola estrea a tecnoloxía floating touch

martes, 13 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Sony Mobile Communications anunciou hoxe a nova incorporación ao seu catálogo de móbiles Android, o Xperia sola (do que tivemos informacións nos últimos días baixo o nome de MT27i), que destaca especialmente por estrear a tecnoloxía floating touch, que permite navegar pola web con só achegar o dedo á súa pantalla (de xeito que un toque na pantalla faría clic nunha ligazón), funcionalidade que esperan potenciar para outros usos no futuro. O novo móbil tamén conta coa tecnoloxía NFC, que en combinación con SmartTags (incluirá 2) permite facilitar a configuración de distintos perfís de uso segundo onde teñamos o terminal.
O Sony Xperia sola funciona cun procesador de dobre núcleo a 1 GHz, pantalla de 3,7 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles e resistente a rabuñaduras, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, cámara de 5 Mpíxeles con gravación de vídeo a 720p, batería de 1.320 mAh, sistema operativo Android 2.3 actualizable a Android 4.0 durante o vindeiro verán, mide 116 x 59 x 9,9 milímetros, pesa 107 gramos e venderase en 3 cores distintas (negro, branco e vermello). Chegará ao mercado durante o segundo trimestre do ano.


Vídeo no que amosan o Xperia sola e a súa tecnoloxía floating touch

O Sony Xperia sola venderase en negro, branco e vermello.

PUBLICIDADE