O Spectrum volve ás tendas en novembro

luns, 26 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Retro Games continúa a comercializar produtos con aires retro que replican vellos ordenadores persoais en tamaño orixinal e mini, pensando en nostálxicos que queren lembrar este tipo de dispositivos que para moitos foron os antecesores das consolas de videoxogos domésticas, e nesta ocasión, antes do propio anuncio oficial por parte da compañía e da distribuidora (Plaion), varias tendas abriron as reservas de The Spectrum, unha consola de videoxogos que emula os ordenadores ZX Spectrum.
Concretamente esta nova máquina adopta a forma do Sinclair ZX Spectrum de 48 KB lanzado no ano 1982 coas súas características teclas de goma, aínda que permitindo correr tamén xogos e aplicacións dos modelos con 128 KB de memoria. O dispositivo, con saída HDMI para que poida empregarse en pantallas e televisores actuais (podendo aplicar filtros para simular vellas pantallas de tubo), inclúe 48 xogos precargados e a posibilidade de cargar copias dos xogos a través de USB, porto que tamén serve para conectar mandos externos.
O produto incluirá cable HDMI de 1,8 metros e cable de alimentación de 1,8 metros, pero non adaptador de corrente (algo bastante habitual nas consolas mini) e xa hai tendas ofrecendo a reserva da versión estándar, aínda que no caso das tendas da cadea GAME destaca o feito de que vaian comercializar unha edición limitada cunha caixa na que figuran ilustracións de Alfonso Azpiri (de 4 xogos incluídos coa consola, dos que Wells & Fargo e Viaje al Centro de la Tierra serían exclusivos desta versión).
Entre os xogos precargados no The Spectrum podemos destacar clásicos como Army Moves, Freddy Hardest, The Great Escape, Head Over Heels, The Hobbit, Jack the Nipper, Manic Miner, Match Day II, Phantis, Target: Renegade, The Way of the Exploding Fist e Where Time Stood Still, aínda que ao facilitar a carga de copias en multitude de formatos non parece que teña especial importancia o catálogo de xogos incluídos con licenza oficial.
Cómpre salientar que, para facer máis accesible a experiencia de xogo, The Spectrum conta cunha funcionalidade de gardado de partida (con 4 espazos de gardado por xogo) e a posibilidade de retroceder até 40 segundos (algo que se agradecerá en moitos títulos, cun nivel de dificultade moi superior ao que estamos afeitos en consolas actuais).