O Steam Controller sairá á venda a semana que vén

luns, 27 de abril do 2026 Marcus Fernández

O ano pasado Valve anunciou que en 2026 tiña previsto pór á venda un ordenador de escritorio (a Steam Machine), un visor de realidade virtual (o Steam Frame) e un novo mando de xogo (o Steam Controller), e aínda que o calendario de lanzamentos vai con retraso por mor da crise da memoria provocada pola explosión da IA, un dos tres produtos anunciados por fin ten data de lanzamento: o Steam Controller chegará ao mercado o 4 de maio.
O Steam Controller é un mando de xogo sen fíos que integra un par de pancas analóxicas magnéticas (polo que deberían estar libres da deriva que padecen outros mandos), cruceta, botóns de disparo, un par de trackpads (que poden achegar capacidades antes limitadas para os usuarios que empregasen o rato), xiroscopio, 4 potentes motores de hápticos que prometen unha vibración de alta definición e numerosas opcións de personalización que fan que sexa un produto moi versátil para distintos perfís de xogador.
Cómpre salientar que, aínda que o mando poida funcionar por Bluetooth, tamén está equipado cun accesorio chamado Puck, que fi de transmisor sen fíos de baixa latencia e de estación de carga.
O novo mando de Valve poderá adquirirse a partir do 4 de maio ás 19:00 a un prezo de 99 euros.

Vídeo promocional do Steam Controller