O Teatro Fraga perfilará o seu futuro a través dunha caixa de correos virtual participativa
venres, 23 de agosto do 2024
A Consellería de Cultura e Lingua e a Deputación de Pontevedra puxeron en marcha unha caixa de correo virtual na que se recollerán propostas, ideas e suxestións que permitan enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga de Vigo. Así o anunciaron o conselleiro José Lopez Campos e o presidente provincial Luis López na presentación da campaña O mellor espazo busca o mellor contido. O conselleiro explicou que as entidades e persoas interesadas poderán enviar as súas achegas ata finais de setembro a través do enderezo propostas@teatrofraga.gal.
Trátase dunha medida que, como afirmou, ten por obxectivo “incorporar as demandas da cidadanía e do amplo tecido cultural para construír con eles o mellor proxecto para a cidade de Vigo”. E engadiu: “Hai pouco máis dun mes demos o primeiro paso para recuperar este espazo e agora iniciamos o camiño para establecer en Vigo unha sede permanente de primeiro nivel onde desenvolver actividades de creación e consumo cultural”.
A campaña O mellor espazo busca o mellor contido é unha iniciativa coa que se abre un proceso de diálogo coa cidadanía e que incluirá, ademais da creación da caixa de correo, a celebración de diversas xuntanzas presenciais con colectivos e representantes do sector cultural e a veciñanza nas que recoller as súas demandas e debater as propostas achegadas a través do enderezo electrónico. “Queremos escoitar a todos os vigueses e viguesas para levar a cabo unha reflexión colectiva sobre o futuro e as oportunidades que se abren coa reapertura deste recurso cultural de gran potencial como son o fortalecemento da industria, o impulso á creación ou o empuxe á oferta cultural”, coincidiron.
O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época. O proxecto conta con máis de 7.000 metros cadrados, nos que se prevé aproveitar ao máximo as instalacións xa levantadas para levar a cabo unha variada programación que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o inmóbel, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia.