O TicWatch C2 chega con aparencia tradicional e Wear OS

luns, 10 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que semella que os smartwatches con tecnoloxía de Google foron perdendo pulo (con compañías como Apple, Samsung e Xiaomi apostando por distintos sistemas operativos), hai compañías que confían aínda en Wear OS, e así Mobvoi lanza o seu novo TicWatch C2, un reloxo que sae á venda por 199,99 euros e que, como principalmente característica ten o presentar unha aparencia de reloxo clásico, fabricando en aceiro inoxidable e con correa de coiro intercambiable.
Este novo reloxo chegan en tres cores (prata, negro e ouro rosa) destacando o feito de que a de ouro rosa ten un grosor de 12,8 milímetros, ou sexa, que sería unha versión pensada para pulsos máis finos (o resto de terminais teñen un grosor de 13,10 milímetros). Todos estes móbiles integran NFC para facilitar a realización de pagamentos en terminais contactless, contan con funcionalidades orientadas ao fitness (como monitorización do ritmo cardíaco e localización por GPS), teñen certificación IP68 de resistencia á suor e á auga, son compatibles tanto con iPhone coma con Android, e poden gozar do grande catálogo de aplicacións de Wear OS, así como das posibilidades do Asistente de Google.
O TicWatch C2 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon Wear 2100, pantalla AMOLED de 1,3 polgadas cunha resolución de 360 x 360 píxeles e batería de 400 mAh, polo que a súa autonomía sería dabondo para empregar o reloxo durante 2 días seguidos (o fabricante sostén que a súa autonomía chegaría até as 36 horas).

Vídeo promocional do TicWatch C2

PUBLICIDADE