O Touch Mouse de Microsoft adáptase a Windows 8

luns, 22 de outubro do 2012 Marcus Fernández

A orientación de Windows 8 a un control táctil (tanto en pantallas como a través doutras superficies) pode resultar crucial de cara á emerxencia de numerosos touchpads e ratos con superficie táctil, pero xa hai dispositivos así no mercado como o Microsoft Touch Mouse, que curiosamente só soportaba baixo Windows 8 os mesmos xestos táctiles que con Windows 7, pero nos últimos días actualizou a aplicación Centro de Mouse e Teclado deste dispositivo á versión 2.0 (aínda que na páxina en español de Microsoft continúan a figurar a versión 1.1) o que supón a súa adaptación para as funcionalidades propias de Windows 8 e da súa Modern UI.
Agora, co rato táctil de Microsoft non só podemos desprazarnos polas pantallas cos nosos dedos, senón que empregando 2 dedos á vez podemos invocar aos menús que habitualmente xorden dos laterais da pantalla, o que supón unha importante mellora na produtividade, axilizando a emerxencia destes elementos de uso frecuente, á vez que podemos aproveitar xestos con 3 dedos para facer zoom. Amais, calquera dos xestos pode personalizarse tanto para o uso xeral do sistema como para o seu funcionamento nunha aplicación en concreto, facendo que a experiencia de uso de Windows 8 sexa aínda mellor, no precisando dun touchpad para poder tirar bo proveito das novas características do novo sistema operativo de Microsoft.

PUBLICIDADE