O Toupiciencia Show fará novas paradas en Neda, A Estrada, en Santiago e en Arzúa

mércores, 28 de setembro do 2022 S. P.

O Toupiciencia Show, xira divulgativa de índole científico-tecnolóxica organizada por A Xanela do Maxín e impulsada ao abeiro de FalaRedes (Secretaría Xeral de Política Lingüística), enfía un outono cargado de actividades, con paradas este 27 de setembro en Bergondo (no Edificio Cultural A Senra), este venres 30 en Neda (na Casa da Cultura), este 1 de outubro na Estrada (no Recreo da Estrada), este 6 de outubro en Santiago (no Espazo Apego) e este 22 de outubro en Arzúa (na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro).
Trátase dun espectáculo de monicreques para público infantil e familiar no que se fomenta e promove a divulgación científica en galego nun espazo de convivencia e proximidade. Nel tamén se comparten experiencias e ábrese o camiño ao diálogo e interacción.
Os protagonistas da actividade, amais da rapazada do público, son a Toupiña e o seu axudante Protonio, que andan a buscar ás persoas científicas do futuro e para iso exploran facendo divertidos e dinámicos experimentos utilizando o método científico, promovendo a curiosidade e mostrando a gran importancia que ten o facer preguntas para poder avanzar.
A serie
A xira Toupiciencia está baseada na miniserie audiovisual de divulgación científica en galego dirixida á nenez con 8 episodios de 3 minutos de duración cada un, materializados co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüísitica. Neles, Toupiña e outros monicreques descubren o mundo da ciencia e as tecnoloxías a través de curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas. O proxecto conta coa colaboración de persoeiros do ámbito científico de Galicia, como Ángel Carracedo, Minia Manteiga, Elena Vázquez ou Jorge Mira, entre outros. Os capítulos están dispoñíbeis no Portal da Lingua de Política Lingüística.

PUBLICIDADE