O Tribunal de Xustiza da U.E. ditamina contra os produtos con Kodi pre-instalado

mércores, 26 de abril do 2017 Marcus Fernández

A facilidade de empregar pequenos dispositivos multimedia baseados en Android para instalar a aplicación Kodi (para a que hai dispoñibles engadidos que facilitan o acceso fóra das cales autorizadas de contidos audiovisuais) está a provocar conflitos xurídicos en varios países, e aínda que estabamos pendentes de coñecer a resolución dun tribunal británico para saber o que decidirían a este respecto os xuíces, dende o Tribunal de Xustiza da Unión Europea adiantáronse e ante a denuncia do grupo anti-piratería BREIN por mor dunha tenda en liña chamada Filmspeler que comercializa dispositivos con Kodi pre-cargado cos engadidos que facilitan o acceso a infinidade de series de televisión e películas sen pagar por elas, ditaminou que a venda deste tipo de produtos «pode constituír unha vulneración dos dereitos de autor».
O caso é bastante problemático, xa que Kodi é un software aberto que ten moitas utilidades completamente legais, pero a emerxencia de engadidos non oficiais que facilitan a chamada piratería audiovisual (facéndoa accesible a un enorme volume de usuarios que noutras condicións non serían recorrerían a estes métodos de reprodución audiovisual ante a súa complexidade) pon en dúbida a legalidade da venda destes dispositivos que segundo o Tribunal de Xustiza correspondería a unha «comunicación ao público» conforme ao que recolle a Directiva europea sobre dereitos de autor.
A Tribunal sempre defendeu que o concepto de comunicación pública debe entenderse nun sentido amplo, pero nesta ocasión considera que os trebellos con Kodi son equivalentes ás páxinas web de descargas que conducen ao usuario a obras protexidas polos dereitos de autor. Así o Tribunal de Xustiza entende claramente que o responsable de Filmspeler é consciente de que os seus produtos van empregarse para a vulneración dos dereitos de explotación de obras audiovisuais (de feito, así o reflexa a propia publicidade dos seus produtos). Tamén detallan que o feito de que os contidos cheguen mediante streaming en vez de mediante descargas non farían que os dereitos de reprodución audiovisual vaian deixar de aplicarse.
Na resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea determínase que os consumidores adquiren os dispositivos de Filmspeler coa intención de non ter que pagar polos contidos audiovisuais, de xeito que queda claro o prexuízo que claramente causan á industria audiovisual os reprodutores denunciados, polo que tras a sentenza comunitaria agora os tribunais do países membros terán o respaldo do Tribunal de Xustiza cando teñan que atender denuncias sobre a comercialización de trebellos con Kodi pre-instalado, o que posiblemente supoña un duro golpe para as empresas que levan uns meses conseguindo grandes ingresos grazas a facilitar o acceso a contidos dos que carecen dos dereitos de explotación.

PUBLICIDADE