O UVigo SpaceLab busca alumnado que queira participar nunha misión espacial
mércores, 26 de marzo do 2025
O laboratorio UVigo SpaceLab busca estudantes para participar nunha misión especial, e non esixe ter experiencia ou coñecementos previos sobre a materia, “só ganas de aprender”, segundo indica Ester Álvarez, responsable do departamento de mercadotecnia e organización deste equipo de proxectos aeroespaciais da Universidade de Vigo.
“Ata o 30 de abril buscamos estudantes dos ámbitos da enxeñaría, científico e incluso económico, dos campus de Vigo e Ourense, que estean desexando involucrarse nun proxecto de alta retribución académica e profesional”, detalla Ester Álvarez, que apunta que os perfís máis demandados para acometer este reforzo do equipo son os do alumnado procedente dos graos de enxeñaría de Telecomunicación, Minas e Enerxía, Industriais, Mecánica, Electrónica, Biomédica, así como Bioloxía ou Química, Economía, ADE, Dereito, Filoloxía e Tradución e Interpretación. “Tamén é benvido o alumnado de dobres graos, mestrado ou doutoramento”, explica.
As e os estudantes que se incorporen neste proceso de ampliación sumarase aos e ás 41 actuais integrantes do equipo, redistribuíndose entre os nove departamentos que integran UVigo SpaceLab momento: Comunicacións, encargado da coordinación da estación terrea e o deseño e validación dos algoritmos e sistemas de comunicacións; Software de Alto Nivel, centrado na aplicación de todo o software que executará o satélite e lle permitirá operar de forma autónoma; Organización e Marketing, que se ocupa da organización interna do equipo, xestión de patrocinadores e o labor de divulgación do proxecto; Enxeñaría de Sistemas, encargado de realizar todas as tarefas de deseño e análise de misión e a integración do satélite; Estruturas e Control Térmico, centrado no deseño estrutural e os sistemas de control térmico; Electrónica, responsable do almacenamento, control e distribución da potencia do satélite e de definir as interfaces eléctricas e de datos entre a payload e o resto da plataforma; e ADCS, encargado do deseño do sistema de determinación e control de actitude do CubeSat.
A estes departamentos engádense dous novos recentemente incorporados: Microfluídica, encargado do desenvolvemento dos sistemas que activarán a bacteria en órbita dentro do satélite e Embebidos, que se ocupa de programar o hardware electrónico para control da payload e o satélite, sinala Ester Álvarez.
Desde que botou a andar hai algo máis de catro anos, decenas de alumnos e alumnas da UVigo participaron no desenvolvemento da misión BIXO, un CubeSat de dúas unidades que levará a bordo unha carga biolóxica para estudar como a microgravidade e a radiación afectan aos procesos de comunicación bacteariana.
BIXO será lanzado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento (CSAC) a bordo dun foguete Longa Marcha ou Smart Dragon Series, logo que UVigo SpaceLab gañase o primeiro posto no Space Universities CubeSat Challenge (SUCC), organizado conxuntamente coa Federación Internacional de Astronáutica (IAF). “Así mesmo, todo este desenvolvemento non podería darse de non ser polos nosos patrocinadores, como DHV Technology, Alén Space e UARX Space, que non só nos brindan o seu apoio, senón que tamén nos provén de algúns dos subsistemas que nos permitirán levar a cabo a reactivación da bacteria en órbita”, agradece Ester Álvarez.
Ademais de traballar no desenvolvemento da misión os e as integrantes do equipo participan en seminarios e congresos, como o Small Satellites & Services International Forum 2025, celebrado recentemente en Málaga, onde presentaron varias publicacións científicas de impacto, como as simulacións estruturais da configuración do satélite, o deseño dunha antena de banda S para enviar a información á estación terrea e o deseño un sistema microfluídico para estudar o crecemento de bacterias en órbita.
