O VI Concurso de Podcasts-Radio na Biblio premia centros de Malpica, Cedeira, A Estrada, O Rosal, Santiago e Vigo
xoves, 16 de maio do 2024
A Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo de seis centros educativos cos premios do VI Concurso de Podcasts-Radio na Biblio, que cada ano homenaxea ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas e desta volta pon o foco na figura da escritora, filósofa, violinista e activista coruñesa Luísa Villalta.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou este 16 de maio o Centro Público Integrado Manuel Suárez Marquier do Rosal, que obtén dous premios (na modalidade de 5º e 6º de Primaria e na de 1º e 2º de ESO) para felicitar á rapazada polo seu traballo.
Os proxectos galardoados abordan aspectos biográficos e bibliográficos da autora homenaxeada, como o estímulo da lectura da poesía, a relación da literatura e a música ou as mulleres nas Letras Galegas e na literatura galega, entre outros.
Esta sería a listaxe de centros premiados:
– CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños) –
Xogando con violinos –
Infantil
– CEIP Nicolás del Río – (Cedeira) –
Luísa Villalta. Veladas poéticas –
1º e 2º de Ed. Primaria
– CEIP do Foxo (A Estrada) –
Teoría do xogo –
3º e 4º de Ed. Primaria
– CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) –
Luísa Villalta. Poesía e música –
5º e 6º de Primaria
– CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) –
Mulleres no Día das Letras Galegas –
1º e 2º de ESO
– IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela) –
Luísa Villalta
3º e 4º da ESO
– IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela) –
Luísa Villalta –
Bacharelato
– CMUS Profesional de Vigo –
Scherzo_RAP –
Outras ensinanzas
Cada centro premiado recibe un premio de 1.250€, un 25% máis ca o ano pasado, que deberán destinarse a melloras na radio escolar ou actividades relacionadas ca mesma. A Radio Galega colabora, un curso máis, neste certame. Deste xeito, os traballos premiados serán difundidos a través da páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio. Ademais, o alumnado galardoado terá a oportunidade de visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela.
O concurso está dirixido aos 195 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica, e enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021/2025 de Bibliotecas Escolares.