O Vivo X300 Ultra dá prioridade á fotografía e ao vídeo

martes, 3 de marzo do 2026 Redacción

O MWC 2026 de Barcelona é o espazo escollido por Vivo para amosar o seu novo buque insignia, o Vivo X300 Ultra, que será o primeiro da serie en chegar oficialmente aos mercados europeos nos que xa opera.
Este impresionante smartphone destaca pola súa orientación cara a fotografía e vídeo profesionais ao integrar un sensor teleobxectivo de 200 Mpíxeles de gran tamaño (1/1,4 polgadas) e poderá complementarse cun accesorio específico, o Vivo Zeiss Telephoto Extender Gen 2 Ultra, equivalente a 400 milímetros. Este extensor ofrece arredor dun zoom óptico 8x respecto ao encadre nativo e permite acadar ata 30x (uns 800 milímetros) combinando o sensor de alta resolución co zoom dixital avanzado, mantendo, segundo a marca, un alto nivel de detalle.
A colaboración con Zeiss inclúe estabilización óptica de nivel semellante á dun gimbal de tres eixes, así como tecnoloxía de enfoque con seguimento de movemento. Ademais, o sistema de montura mantense compatible co ecosistema do modelo anterior, de maneira que o extensor de primeira xeración tamén poderá empregarse co novo terminal.
Xunto ao teleobxectivo, Vivo presentou unha gaiola de vídeo de nivel profesional desenvolvida en colaboración con SmallRig. Este accesorio incorpora múltiples ancoraxes tipo zapata fría, portos de liberación rápida e botóns físicos dedicados para o disparo e o control do zoom, buscando unha experiencia máis táctil e precisa. Inclúe tamén un ventilador piezoeléctrico multinivel para mellorar a disipación térmica durante gravacións prolongadas, así como un marco de expansión específico para integrar o extensor de 400 milímetros.
O Vivo X300 Ultra permitirá gravar en 4K a 120 fotogramas por segundo con Dolby Vision HDR e ofrecerá captura en formato Log con previsualización mediante LUT personalizada, aínda que o ficheiro final se gardará sen etalonaxe. O terminal integrará ferramentas de corrección de cor e soporte nativo para ACES (Academy Color Science), o que facilitará a súa integración en fluxos de traballo profesionais en programas como DaVinci Resolve ou Final Cut Pro.
Polo momento non se coñece o procesador nin outras especificacións técnicas clave, aínda que non hai dúbida en que estaremos ante un dispositivo de gama alta con grandes prestacións, que terá un prezo bastante elevado (o modelo anterior tiña un prezo oficial de 1.299 euros).