O Wi-Fire permite conectar con puntos de acceso Wi-Fi a 300 metros de distancia
martes, 21 de agosto do 2007
Aínda que de cando en vez vexamos na prensa cómo
algúns rapaces rachan con tódalas marcas anteriores de distancia establecendo
comunicacións sen fíos, os usuarios de portátiles con Wi-Fi incorporado
normalmente ven como os seus equipos só se poden conectar a uns poucos metros
do punto de acceso máis próximo, pero o fabricante norteamericano hField
Technologies promete cambiar a situación cun novo dispositivo USB.
O Wi-Fire é un adaptador Wi-Fi por
USB que se pode adherir ó portátil coma moitas cámaras web (cunha especie de
pinza) que promete establecer conexións a distancias de ata 1.000 pés (uns 300 metros) o que
mellora considerablemente as coberturas habituais (chegando case a triplicalas), aínda que se consegue grazas
a que en realidade utiliza unha
antena direccional que pode xirar 360º para acadar a mellor conectividade.
O novo dispositivo destaca por ter un tamaño reducido (semellante ó dunha
axenda electrónica) e un
prezo axustado (79 dólares) e na propia web do fabricante ilustran con 3 casos de uso para ver a
utilidade e capacidade do Wi-Fire que podería ser a resposta para moitos
usuarios que teñen conexións Wi-Fi preto, pero non son capaces de conectar ás
mesmas (ou o fan a velocidades limitadas e con cortes constantes).