O XII Carballo Interplay contará con espectáculos de primeira liña do universo podcast
xoves, 20 de marzo do 2025
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay publicou o primeiro adianto da programación da súa XII edición, que será do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo. Durante eses días a vila será o centro do universo dixital xuntando espectáculos e personalidades de referencia do podcast, a comunicación ou a comedia. Será unha programación “completamente de balde”, pero en datas vindeiras anunciaranse as actividades para as que haberá que facer reserva de entradas.
Facu Díaz – Miguel Maldonado
- Facu Díaz e Miguel Maldonado
O dúo formado por Facu Díaz e Miguel Maldonado tomarán os mandos da sección habitual do festival Rajando con… na noite do venres, coa súa xenuína mestura de sátira política, humor e improvisación . Coñecidos por programas como No te metas en política atópanse agora de xira co espectáculo Quieto todo el mundo, que esgotou entradas en cidades como Sevilla, Granada ou Valencia, lembrando os 10 anos que levan traballando xuntos. Maldonado, pola súa banda, vén de recibir o Premio Ondas a Mellor Videopodcast por Sastre y Maldonado, que presenta xunto a José Luis Sastre.
Con Bob Pop
Outro dos espectáculos habituais do Carballo Interplay é o CFA (Código Fonte Audiovisual) que nesta ocasión presentará o escritor e guionista Bob Pop. Na tarde do sábado, o creador da serie Maricón Perdido repasará neste formato híbrido entre conferencia e proxección, a súa escolma de fragmentos de obras audiovisuais que marcaran a súa cultura e a súa forma de entender o mundo.
Con Ángela Henche e Albanta San Román
Tamén no sábado pasarán polo Mercado de Carballo Ángela Henche e Albanta San Román, presentadoras do podcast Keep it cutre un programa que nace das súas charlas do día a día cunha gran dose de humor tocando temas relacionados co sentir da xeración millennial. Polo podcast pasaron convidadas como Nerea Pérez de las Heras, Beatriz Serrano ou a cómica Lalachus. Recentemente comezaron a facer espectáculos en directo e agora chegan por primeira vez a Galicia cun programa que non deixará a ninguén indiferente.
Ana Polo e crise da vivenda
A crise da vivenda é un dos grandes temas na axenda diaria e chegará tamén á nova edición do Carballo Interplay da man da cómica Ana Polo. No espectáculo Aquí no hay quien viva Polo seguirá o formato de El Precio Justo para falar xunto ao público do prezo ao que se atopa a vivenda en Galicia, unha forma de coller o humor para darlle á volta a esta problemática social e facer ao público partícipe dun espectáculo no que só pode haber un gañador: quen acerte o prezo máis abusivo da comunidade.
O Carballo Interplay desvelará ao longo das próximas semanas máis sobre a súa programación, que contará tamén con gran presenza de creadores e creadoras dixitais de Galicia, espazos de reflexión sobre as tendencias na rede desde unha ollada feminista e antirracista e a Competición Oficial de Series, cunha selección de obras de todo o mundo.
O festival está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación de A Coruña e AGADIC.