O XIII Proxecto Antón Fraguas premiará a investigación escolar arredor do noso patrimonio cultural

martes, 2 de abril do 2024 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas convocan a XIII edición do Proxecto Didáctico Antón Fraguas Fraguas, destinado a poñer en valor o patrimonio lingüístico e cultural galegos desde o ensino. Así o anunciaron este martes 2 de abril, en rolda de prensa, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta da dita Fundación, Concha Losada.
García e Losada animaron o profesorado e a rapazada a participar nesta iniciativa “que pon en valor e visualiza o patrimonio material e inmaterial galegos así como a lingua propia de Galicia, que se abordará a través da toponimia, a antroponimia ou a fraseoloxía”.
O proxecto inclúe dúas modalidades de participación (ensino primario e secundario) dotadas con cadanseus 7.000 euros destinados a materializar os proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2024-25 en colaboración co Museo do Pobo Galego.
Poderán participar, ata o vindeiro 1 de xuño, os centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que impartan ensinanzas de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP ou Educación Especial.
O ámbito temático dos proxectos abranguerá un ou varios destes eidos de investigación: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia ou arte da contorna inmediata do centro e un capítulo, ou a liña do traballo, dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico relacionado co tema proposto. Ademais, valoraranse as accións que fomenten a educación en igualdade e o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado cos Camiños de Santiago.

PUBLICIDADE