O XO-2 podería ser un ordenador aberto
venres, 30 de xaneiro do 2009
Pese á falta de
credibilidade do proxecto One Laptop Per Child, a iniciativa que pretende
achegar ordenadores portátiles aos cativos de países en vías de desenvolvemento
continúa a funcionar, aínda que con recursos cada vez máis limitados, e que ten
agora coma meta o futuro portátil XO-2, que combinaría dúas pantallas táctiles
e pretendería ter un prezo final de 75 dólares (cando o XO-1 aínda custa case o
dobre do prezo prometido). Pero este novo equipo podería dar un cambio de temón
realmente importante, e Negroponte
declarou que «o XO-1 foi deseñado coma se
fosemos Apple. O XO-2 deseñarase coma se fosemos Google: queremos que a xente o
copie», ou sexa, que sería un desenvolvemento totalmente oposto
ao do seu equipo anterior, o que podería garantir a viabilidade deste proxecto
que de seguir co ritmo actual non contará cos apoios precisos para manterse no
tempo.
Un XO-2 aberto podería facer máis doado que o produto final chegue ao seu
público, aínda que o hardware libre é
un concepto pouco explotado ata o momento, pero que combinado co software libre podería dar lugar a unha
solución para que os países menos desenvolvidos poidan coller o pulso ás TIC.