O XVIII Criterium Aeronáutico contará con exposicións, videoxogos e simuladores gratuítos

martes, 7 de xullo do 2026 S. P.

Miguel Fernández Méndez, responsable de Formación e Economía na Deputación de Lugo, e máis Francisco Abelleira, presidente do Real Aeroclub de Lugo, presentaron este luns 6 de xullo a décimo oitava edición do Criterium Aeronáutico. Para a celebración deste evento, que terá lugar no Aeródromo de Rozas do 10 a 12 xullo, a institución provincial realiza unha achega económica de 10.000 euros.
Miguel Fernández recordou que esta cita “forma parte do calendario da nosa provincia e cada ano demostra a súa capacidade para atraer público, sorprender e seguir medrando”. Recalcou a capacidade de “achegar a aeronáutica á cidadanía, facela accesible e demostrar que detrás da tecnoloxía hai talento, formación, innovación e moitas persoas traballando para mellorar o noso futuro”.
E engadiu: “Rozas representa moi ben esa forma de entender a provincia. Un lugar que soubo evolucionar sen perder a súa identidade. Un espazo que proxecta Lugo cara o futuro e que nos sitúa como un territorio capaz de liderar iniciativas punteiras”, avanzou o Deputado Provincial.
Pola súa banda, o Presidente do Real Aeroclub de Lugo destacou que “este é un evento de referencia a nivel nacional e incluso internacional con visitantes chegados de diferentes puntos de Portugal”. Así mesmo, deu a coñecer algunhas das propostas que se inclúen na programación deste ano, na que “haberá todo tipo de exposicións aeronáuticas, un simulador de voo cedido polo Ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes; avións acrobáticos; voos de introdución en distintas aeronaves, ou un globo aerostático da Federación Aeronáutica Galega, entre outras actividades”.
Abelleira finalizou a súa intervención agradecendo a colaboración da institución provincial “sen o seu apoio sería moi complicado que puideramos organizar este evento, que esperamos siga medrando ano tras ano”.
O acceso a este evento aeronáutico é libre e gratuíto e o horario xeral da programación de actividades e das exposicións será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Durante a fin de semana reuniranse aeronaves, pilotos, afeccionados e visitantes de toda a Península nun dos encontros aeronáuticos máis destacados do país.
Ao longo das xornadas haberá actividades para todos os gustos, incluídas exposicións de vehículos áreos non tripulados (UAV-drons) e sistemas RPA (polas súas siglas en inglés Robotic Process Automation ou Automatización Robótica de Procesos), que é unha tecnoloxía de software que utiliza robots ou bots para automatizar tarefas dixitais, neste caso concreto relacionadas coa aeronáutica.
Tamén haberá exposicións aeronáuticas, voos, acrobacias, demostracións de globos e actividades para a rapazada. Nenos e maiores poderán tamén empregar simuladores de voo e videoxogos relacionados coa aeronáutica. Amais, contarase cunha visita de medios aéreos de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e de empresas aeronáuticas.
Máis información en Facebook e en Instagram.