O Xeodestino Terras de Santiago pon en marcha unha canle turística de televisión por IP

mércores, 29 de abril do 2026 S. P.

O Xeodestino Terras de Santiago continúa avanzando nos obxectivos de dixitalización recollidos no seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e vén de poñer en marcha a Canle IP Terras de Santiago.
“Trátase dunha plataforma dixital para a promoción conxunta do territorio e da oferta turística, cultural e empresarial dos once concellos que integran o xeodestino”, destaca Guarina Rey, presidenta do Xeodestino Terras de Santiago, quen salienta que “cunha configuración innovadora e un deseño orientado a que sexa doado de utilizar, este canal incorpora novos widgets informativos que permiten consultar, de forma áxil e actualizada, os eventos, actividades e recursos dispoñibles ao longo do ano”.
Con esta iniciativa, engadiu, o Xeodestino Terras de Santiago reforza “a estratexia de comunicación territorial”, ofrecendo “un espazo único” onde a veciñanza, os visitantes e os axentes do sector poidan acceder a información verificada, homoxénea e permanentemente actualizada; unha canle á que xa se pode acceder nos expositores instalados nas casas consistoriais, oficinas de turismo e locais de equipamento público dos 11 municipios do xeodestino: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra.
En datas vindeiras aabrirase o acceso a través da páxina web do Xeodestino Terras de Santiago.
Guarina Rey salienta que “queremos consolidar a Canle IP Terras de Santiago como un instrumento clave para a difusión coordinada da programación municipal e os atractivos do xeodestino”. Para conseguilo, a canle incorpora tamén un sistema de alta para empresas da contorna mediante código QR, facilitando así que o tecido empresarial tamén poida promover os seus servizos e actividades dentro desta plataforma. “Esta funcionalidade contribúe a fortalecer a visibilidade do sector, mellorar a integración da súa oferta e favorecer a competitividade do xeodestino no seu conxunto”, conclúe Guarina Rey.
Coa posta en marcha da Canle IP Terras de Santiago, o Xeodestino segue avanzando nos obxectivos de dixitalización recollidos no seu PSTD, que xa permitiron a finais de 2025 dotar aos municipios das pantallas e do equipamento preciso para poñer en marcha o sistema. De feito, estas televisións pasarán dende agora a emitir de forma continuada información sobre os distintos atractivos do Xeodestino Terras de Santiago, dunha forma sinxela, útil e directa. Canda esa información, tanto o visitante como as persoas residentes terán acceso a todas as actividades lúdicas, culturais e sociais que se desenvolvan no xeodestino, algo que beneficiará directamente a todo o sector turístico da contorna: aloxamentos, restaurantes, empresas de actividades turísticas...