O Xeoportal de Santiago e as súas posibilidades, ao detalle na Cámara de Comercio

martes, 13 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela acolleu este 12 de marzo a presentación do Xeoportal IDE do Concello de Santiago, unha iniciativa dirixida a facilitar o coñecemento dos cidadáns acerca da información xeográfica do termo municipal, cousas como a relación que ten cada predio ou leira coas administracións, as súas características ou a súa cualificación urbanística. O portal foi dado a coñecer ante os asistentes ao acto (empresarios, representantes camerais, autónomos e profesionais) polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, e o xefe da sección de Cartografía e SIT, Rogelio Canedo. Segundo fixeron saber, coa nova ferramenta podemos ter constancia e información de cada lugar e da súa situación exacta coa axuda das tabletas, smartphones ou computadores.
O servizo, un visor dixital, permite que “institucións, profesionais e cidadanía en xeral poderán coñecer en detalle cuestións como cal é a cualificación urbanística dunha finca determinada, cal é a administración titular dun viario ou cal é a área de influencia de cada colexio da cidade”, segundo lembrou Duarte, que tamén fixo fincapé na natureza evolutiva do portal, “un instrumento vivo que se irá cargando de información a medida que pase o tempo”. O servizo acubilla centos de documentos urbanísticos (unha cifra que medra de maneira progresiva) e todas as ortofotos realizadas dende 2001 a 2014 no Concello de Santiago. Duarte e Canedo tamén fixeron fincapé nas facilidades de uso que pon en xogo o portal e tamén nas súas diferentes seccións, das que dimos conta recentemente en Código Cero con motivo da súa presentación.

PUBLICIDADE