O Xiaomi 15 Ultra preséntase na China

xoves, 27 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Aínda que a presentación global do novo Xiaomi 15 Ultra está programada para o vindeiro domingo no marco do Mobile World Congress de Barcelona, o agardado smartphone xa se presentou no mercado chinés, polo que poderiamos considerar que o encontro de Barcelona vai quedar sen ningunha grande presentación de smartphones, en contraste co que acontecía antes da pandemia.
O Xiaomi 15 Ultra xa pode mercarse na China a un prezo de 6.499 iuans (854 euros) na súa versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, mentres que as versións con 16 GB de RAM e 512 GB/1 TB de capacidade custan 6.999 e 7.799 iuans respectivamente (920/1.025 euros), deixando claro que estamos ante un móbil de alta gama, que busca competir con fabricantes como Samsung e Apple, especialmente no apartado de cámaras.
Falamos dun teléfono cunha cámara traseira cuádrupla, cunha impresionante lente periscópica de 200 Mpíxeles cun zoom óptico de 4.3x, acompañada por 3 sensores de 50 Mpíxeles para o resto de distancias ópticas. Os amantes da fotografía tamén poden adquirir unha funda que facilita o agarre do móbil como se fose unha cámara tradicional e incorpora tamén unha batería de 2.000 mAh para mellorar a autonomía do smartphone.
Se deixamos a cámara a un lado, estamos ante un móbil de alta gama moi competente, cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite, pantalla de 6,73 polgadas cunha velocidade de refresco de entre 1 e 120 Hz e un brillo pico de até 3.200 nits, resistencia IP68 e unha batería interna de 6.000 mAh con carga rápida de 90 watts por cable e 80 watts sen fíos.
Basicamente poderiamos dicir que estamos ante unha evolución do Xiaomi 14 Ultra, actualizando o procesador e mellorando a resolución do teleobxectivo periscópico (pasa de 50 a 200 Mpíxeles) e a capacidade da batería (de 5.000 a 6.000 mAh), polo que tampouco podemos confiar en que se converta nun produto con grandes vendas, xa que na práctica ten un prezo máis elevado que fabricantes como Samsung e ofrece un soporte moi inferior (por exemplo, Xiaomi promete 4 anos de actualizacións do software de sistema, mentres que Samsung asegura 7 anos e é probable que chegue a ofrece 8 anos tras o último acordo entre Qualcomm e Google).