O Xiaomi 17 Ultra preséntase como unha aposta pola excelencia fotográfica

venres, 26 de decembro do 2025 Redacción

Xiaomi presentou en Pequín o novo Xiaomi 17 Ultra, aproveitando o evento para anunciar a actualización da súa cooperación estratéxica global en imaxe con Leica, que evoluciona cara a un novo modelo de cocreación profunda aplicado por primeira vez a este terminal. A nova etapa da alianza deixa atrás unicamente o I+D conxunto para introducir un marco de colaboración desde a fase inicial do produto.
O Xiaomi 17 Ultra destaca polo seu deseño máis estilizado, cun corpo de 8,29 milímetros de grosor, o máis fino da familia Ultra ata o momento, e por ser o primeiro modelo da serie cunha pantalla completamente plana. O marco de aluminio microcurvado, a redistribución do módulo de cámaras e a redución do seu diámetro buscan mellorar a ergonomía e o equilibrio na man. O dispositivo comercialízase en branco, negro, púrpura e verde, acompañado de novos kits fotográficos con fixación magnética e dunha funda ultrafina de fibra composta.
No apartado fotográfico, o terminal incorpora un sistema de tres cámaras formado por un ultra grande angular de 14 milímetros e 50 Mpíxeles, unha cámara principal Leica de 23 milímetros e 50 Mpíxeles cun sensor dunha polgada e un teleobjetivo Leica de 200 Mpíxeles cun rango óptico equivalente a 75-100 milímetros. A cámara principal emprega o sensor Light Fusion 1050L con tecnoloxía LOFIC HDR, que multiplica por 6,3 a capacidade de captura de luz respecto á xeración anterior, mellorando o control de luces altas e sombras en escenas de alto contraste.
A teleobjetivo introduce un deseño óptico con tres grupos de lentes e prisma, con desprazamento independente para axustar foco e distancia focal, mantendo resolución nativa de 200 Mpíxeles en todo o rango. O conxunto recibe certificación Leica APO grazas ao uso de materiais de vidro personalizados que reducen as aberracións cromáticas e melloran a nitidez en condicións esixentes.
No rendemento, o Xiaomi 17 Ultra integra a plataforma Qualcomm Snapdragon 8 Elite Gen 5, cunha nova arquitectura de CPU e gráficos Adreno 840. O sistema de refrixeración IceLoop de dobre canle incrementa nun 50 % a condutividade térmica. A pantalla LTPO de 120 Hz alcanza picos de brillo de ata 3.500 nits e está protexida por Xiaomi Shield Glass 3.0, cunha resistencia a caídas multiplicada por vinte fronte a vidros reforzados convencionais.
A batería, de 6.800 mAh, combina capacidade elevada cun corpo delgado e admite carga rápida de 90 watts por cable, 50 watts sen fíos e compatibilidade con estándares PD PPS.
Xiaomi tamén anunciou a edición Xiaomi 17 Ultra by Leica, inspirada nas cámaras clásicas da serie M. Este modelo presenta un deseño traseiro bicolor con acabado tipo coiro, gravados no marco e, por primeira vez, o distintivo punto vermello da marca alemá. Inclúe un anel de control exclusivo con rodamentos de alta precisión para axustes de foco e un sensor óptico capaz de detectar desprazamentos de 0,03 milímetros, mantendo certificacións IP66, IP68 e IP69.
Esta versión incorpora modos Leica Essential que recrean estilos históricos, como o aspecto da Leica M9 ou o branco e negro inspirado no filme Monopan 50, mediante modelos avanzados de transferencia de estilo. Engade ademais unha tecnoloxía de autenticidade fotográfica con sinatura dixital baseada en chip de seguridade, así como conectividade por satélite Tiantong e Beidou para mensaxería e chamadas en zonas sen cobertura convencional.
En canto a prezos, o Xiaomi 17 Ultra parte de 6.999 iuans (846 euros) para a versión de 12 GB de memoria e 512 GB de almacenamento, mentres que a edición Xiaomi 17 Ultra by Leica arrinca en 7.999 iuans (966 euros). Ambos modelos sairán á venda o 27 de decembro de 2025 en China.
Tamén poñen á venda un accesorio con forma de grip fotográfico para facilitar o agarre do móbil a xeito de cámara tradicional, incluíndo disparador e unha batería externa de 2.000 mAh, correa e un anel para o módulo das cámaras que facilita o control do zoom. Este produto ten un prezo de 999 iuans (121 euros), aínda que non é de sorprender que algún establecemento o inclúa de balde co smartphone para facer máis atractiva a súa compra.
Polo momento descoñécese se este impresionante smartphone chegará ao mercado español, algo que, por desgraza adoita non acontecer cos móbiles chineses das gamas máis altas.