O Xiaomi Mi4 xa é compatible con Windows 10

xoves, 3 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Para gozar de Windows 10 nun terminal de boas prestacións non é preciso adquirir un dos últimos Lumia 950 e 950 XL con prezos de 599 e 699 euros respectivamente, senón que existen opcións moito máis económicas como facernos cunha das versións 4G do Xiaomi Mi4, smartphone que pode mercarse por menos de 300 euros e conta con boas prestacións (pantalla Full HD de 5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHZ e 3 GB de RAM) que dende hoxe conta cunha ROM oficial para poder cargarlle Windows 10, o que permite darlle unha nova vida, e abrir un dispositivo que viña de fábrica con Android 4.4 ás oportunidades que ofrece o sistema operativo móbil de Microsoft.
Para poder instalar Windows 10 no Xiaomi Mi4 temos que descargar unha aplicación de flasheo, a mencionada ROM e inscribirse no programa Microsoft Insider. Podemos así converter un móbil con Android nun dispositivo con Windows 10, sendo posible en calquera momento devolver o terminal ao seu sistema operativo anterior (MIUI).
Ábrese deste xeito unha nova canle a través de que dar o salto a Windows 10 no móbil, que nun principio faise grazas á colaboración de Xiaomi, pero que moitos usuarios consideran que podería abrir a porta a poder instalar Windows 10 en numerosos smartphones con Android, xa que non debería de haber moita diferenza entre eles e o terminal de Xiaomi, aínda que o máis desexable sería que os propios fabricantes chegasen a acordos con Microsoft para que Windows 10 non estea acaparado pola familia de terminais Lumia.

Joe Belfiore anunciando que Windows 10 xa pode gozarse no Xiaomi Mi4

PUBLICIDADE