O Yahoo Messenger dirá adeus o 17 de xullo

venres, 8 de xuño do 2018 Marcus Fernández

As aplicacións de mensaxería tradicionais padeceron unha crise monumental coa emerxencia dos smartphones pola súa pouca velocidade de reacción, e aínda que á meirande parte destas aplicacións xa as vimos morrer hai tempo, algunhas resistíanse a desaparecer, de aí que a moitos incluso sorprenda que permanecesen activas, como é o caso do Yahoo Messenger, que vén de anunciar que botará definitivamente o peche o vindeiro 17 de xullo.
Dende Yahoo recoñecen que as aplicacións de mensaxería están a mudar constantemente, polo que prefiren abandonar o seu Messenger para poder centrarse en novas ferramentas máis acordes ás necesidades dos consumidores e, curiosamente, recomendan unha aplicación de mensaxería que aínda está en beta pechada, Yahoo Squirrel.
Para os usuarios actuais advirten que durante 6 meses terán activa unha páxina web dende a que poder solicitar a descarga do historial de chats en Yahoo Messenger, para quen poida estar interesado en conservar toda esa información. As copias das conversas recibiranse por correo electrónico tras a súa recompilación.

PUBLICIDADE