O ZTE Axon M contará con dúas pantallas

martes, 17 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Parece que o feito de que Samsung teña previsto comercializar un smartphone con pantalla dobrable en 2018 levou a ZTE a querer anticiparse dalgún xeito, e hoxe presentou un smartphone que consideran revolucionario, o ZTE Axon M, que comercializará en exclusiva nos EE.UU. a operadora AT&T a partires do mes que vén, para chegar despois a Europa, e que sorprende por ter unha segunda pantalla abatible, concepto que xa probara de xeito rudimentario o Kyocera Echo en 2011, e non chegou a contar co favor do público.
O ZTE Axon M pretende ser compacto no peto, pero poder aproveitar as súas dúas pantallas cando o esteamos a empregar, para o que contará con 4 modos: Modo Dual (que permitirá que mentres vemos un vídeo nunha pantalla esteamos a utilizar outra aplicación na outra), Modo Estendido (que fai que as dúas pantallas se comporten como unha única pantalla Full HD de 6,75 polgadas, cunha banda negra no medio), Modo Espello (que amosa o mesmo contido en ambas pantallas, pensando principalmente na realización de demostracións co teléfono colocado sobre unha mesa) e Modo Tradicional (no que funcionará como un smartphone ordinario cunha única pantalla).
O principal atranco para que este smartphone poida ser realmente práctico é o software, que non parece aproveitar a dobre pantalla polo momento para funcionalidades que poidan mellorar a produtividade ou achegar posibilidades inéditas que poidan resultar realmente revolucionarias.
No que respecta ao prezo, polo momento sábese que AT&T permitirá mercalo mediante 30 prazos de 24,17 dólares, ou sexa, 725,1 dólares (616 euros), o que polo momento resulta difícil de saber se é un bo prezo, xa que non detallaron as especificacións deste terminal que probablemente sexa unha aposta demasiado arriscada.

ACTUALIZACIÓN: Aínda que ZTE non detallou as especificacións do noso smartphone, ofreceuno a medios especializados, que están a detallar que as súas pantallas LCD de 5,2 polgadas son Full HD, o seu procesador é un Qualcomm Snapdragon 821, ten 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámara de 20 Mpíxeles con gravación de vídeo 4K, conector USB-C con Quick Charge 3.0, sistema operativo Android 7.1.2 e un peso de 230 gramos (polo que incluso sería máis pesado que un iPhone 8 Plus).

Vídeo no que podemos ver o smartphone en acción

PUBLICIDADE