O ZTE Grand X2 In chegará a Europa cun procesador Intel Atom

xoves, 16 de maio do 2013 Marcus Fernández

O terceiro trimestre do ano poranse á venda en Europa o novo ZTE Grand X2 In, un smartphone de fabricación chinesa que funciona cun procesador Intel Atom Z2580 de ata 2 GHz, sistema operativo Android 4.1, pantalla IPS de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, cámara de 8 Mpíxeles con gravación de vídeo a 1.080p, que busca achegar unhas altas prestacións a un prezo bastante axustado (como é habitual nos terminais de ZTE).
Este novo smartphone, que estes días está a amosarse na Conferencia MedPi en Mónaco, chega con 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable con tarxetas microSD de ata 32 Gb e batería de 2.000 mAh, e incorpora a función My-Pop de ZTE para facilitar a súa operación cunha soa man.
Resulta interesante ver como un fabricante chinés dos que máis relevancia internacional está a acadar nos últimos anos sexa un dos que se atreve a integrar os novos procesadores de Intel para móbiles, que presumen de conseguir un bo rendemento mantendo unha boa autonomía, chegando a optar por tal tecnoloxía no que podería ser o seu móbil insignia durante os vindeiros meses.

PUBLICIDADE