O ZX Spectrum cumpre 30 anos

luns, 23 de abril do 2012 Marcus Fernández

Hoxe é un día de celebración para moitos nostálxicos da tecnoloxía dos anos 80, pois cúmprese o 30º aniversario de todo un clásico, o ZX Spectrum, ordenador de carcasa negra decorada cunha banda de catro cores , cunhas curiosas 40 teclas de caucho e que empregaba un televisor a xeito de monitor, que era a proposta de Sinclair Research para facilitar a introdución do ordenador nos fogares británicos e do resto do mundo grazas a un prezo moi competitivo (chegou inicialmente en modelos con 16 e 48 Kbytes de RAM a prezos de 125 e 175 libras esterlinas respectivamente, nun momento no que alternativas como o Commodore 64 custaba 595 dólares nos EE.UU.).

JPEG - 42.6 KB
O ZX Spectrum +2 foi un dos ordenadores máis populares a finais dos anos 80

Tras estas primeiras versións, o Spectrum foi evolucionando ata un modelo con 128 Kbytes de memoria, pero o seu éxito masivo non chegaría ata que en 1986 Amstrad adquirise a marca Sinclair, e lanzase o ZX Spectrum +2 con unidade de casete integrada (na liña do Amstrad CPC 464) que a primeiros de 1987 chegou ao mercado, centrando a súa comercialización no uso lúdico do equipo, converténdose nun dos ordenadores persoais máis vendidos da época, conseguindo unha grande aceptación en España, onde incluso chegou a comercializarse o Inves ZX Spectrum + (un clon fabricado por Investrónica, filial de El Corte Inglés).
Para conmemorar a aniversario do ZX Spectrum, Google dedícalle o seu doodle de hoxe no Reino Unido.

JPEG - 49.2 KB
Google dedica ao Spectrum (e a San Xurxo) o seu doodle de hoxe no Reino Unido
JPEG - 34.6 KB
Pantalla de inicio do ZX Spectrum +2

PUBLICIDADE