O acceso á Rede supera á lectura de xornais entre os hábitos dos maiores de 65 anos

venres, 7 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Un estudio realizado por un grupo de profesores da Universidade Complutense de Madrid (UCM) a través de E-Media (empresa de base tecnolóxica da súa Universidade) sinala que máis da metade dos españois maiores de 65 anos (o 52%) navegan pola Internet a diario, cun promedio de 87 minutos, en tanto que menos da metade (o 48%) vai ao quiosco a mercar o xornal, o que supón un importante cambio de tendencia e indicaría que a fenda dixital de idade é cada vez menor.
O estudio pretende afondar no nivel de equipamento nos fogares dos maiores españois, que no 100% dos casos contan con televisor, o 96% con radio, o 94% con teléfono fixo e o 75% con teléfono móbil, mentres que os smartphones só están presentes no 34% dos fogares con persoas maiores, aínda que, pola contra, só un 22% destes fogares carecen de acceso á Rede.
Resulta moi ilustrativo ver que o 52% dos maiores pasan algún tempo á Internet a diario: o 46% un mínimo dunha hora, o 33% entre unha e dúas horas, o 14% entre dúas e catro horas e un 7% máis de catro horas ao día. O uso que fan da Internet no 75% é o envío e recepción de e-mail, no 70% a busca de información e no 47% a lectura de diarios dixitais.
Aínda que este grupo de poboación emprega principalmente o teléfono para realizar a recibir chamadas de voz, o 30% fai uso das mensaxes de texto, o 18% do WhatsApp e o 11% tamén navega pola web.

PUBLICIDADE