O alcalde da Cañiza visitou ao alumnado da formación DixiGal nivel avanzado

martes, 30 de decembro do 2025 S. P.

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, realizou unha visita á Aula CeMIT da Casa de Cultura da Cañiza coincidindo coa fase final da formación do proxecto DixiGal, nivel avanzado, que rematou nestes días tras varios meses de formación intensiva en competencias dixitais.
Luis Piña compartiu un tempo co alumnado participante, interesándose polo desenvolvemento do curso e coñecendo de primeira man a experiencia formativa. As persoas asistentes destacaron a utilidade práctica dos contidos adquiridos e o valor desta formación para mellorar a súa capacitación dixital e as oportunidades de futuro.
O nivel avanzado do proxecto DixiGal, desenvolvido entre o 9 de setembro e este mes que remata, contou cun total de 200 horas de formación presencial, impartidas de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. A acción formativa estivo estruturada en cinco módulos centrados na análise da información dixital, creación de contidos e programación, comunicación e colaboración con ferramentas dixitais, resolución de problemas no entorno dixital e seguridade e civismo dixital.
O proxecto DixiGal estrutúrase en tres niveis —básico, intermedio e avanzado— integrados no marco europeo de competencias dixitais. O alumnado que completou con éxito todo o itinerario recibirá, ademais, como agasallo un equipo informático, reforzando o compromiso coa inclusión e a capacitación tecnolóxica.
Desde o Concello valórase moi positivamente o desenvolvemento deste tipo de iniciativas, que contribúen a reducir a fenda dixital, fomentar a aprendizaxe permanente e achegar as novas tecnoloxías á cidadanía.