O alcalde da Coruña, o sexto máis seguido en redes sociais

martes, 16 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Os responsábeis do portal de aforro Cuponation veñen de facer un estudo que avalía o nivel de popularidade dos políticos a través das súas respectivas comunidades nas redes sociais, máis en detalle no Twitter e máis no Facebook. O informe, un ranking dos representantes públicos na Rede, céntrase nos alcaldes das capitais da provincia. No caso galego, o político máis destacado en materia de followers é o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que xunta 50.600 seareiros en Facebook e Twitter. A nivel estatal, Ferreiro é o sexto rexedor de capital de provincia máis seguido.
Na nosa terra o segundo alcalde con meirandes comunidades é Miguel Anxo Fernández Lores, o rexedor de Pontevedra, que acumula 5.100 seareiros.
O estudo baséase no seguinte feito e na necesidade de poñelo de relevo: as redes sociais son un medio de comunicación de gran importancia e os representantes públicos tentan coidalas cada vez máis. Sobre todo se temos en conta as consecuencias que pode ter un chío trabucado ou polémico.
No que se refire aos postos máis destacados do ranking, as alcaldesas de Madrid e Barcelona (Carmena e Colau, respectivamente) abranguen o 75% do total da comunidade de seareiros dos 50 alcaldes provinciais. Manuela Carmena é a alcaldesa máis seguida en redes sociais, con 1.2 millóns seguidores entre Twitter e Facebook.. Moi de preto séguelle Ada Colau con 1.18 millóns, soamente 15.400 seguidores menos. En terceiro lugar completa o podio o alcalde de Valencia, Joan Ribó, con 167.800 followers. A suma de todos os seareiros dos rexedores de capitais de provincia é de 3.2 millóns, pertencendo o 75% desta comunidade soamente a dúas alcaldesas: Carmena e Colau.

PUBLICIDADE