O alcalde de Ames visita as instalacións de Alfonsín Digital Lab

venres, 18 de marzo do 2022 S. P.

Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo técnico de desenvolvemento local, Juan Carlos Carreja, visitaron as instalacións do estudo de postprodución Alfonsín Digital Lab, que está situado na rúa do Agrelo, en Bertamiráns. Trátase dunha empresa punteira nos servizos de edición, postprodución, laboratorio dixital e novos contidos en xeral. Teñen desenvolvido labores de postprodución en series e longametraxes emitidas nas plataformas Amazon Prime Vídeo, HBO Max, Netflix e Movistar, así como en producións do talle de Operación Marea Negra, Rapa, El desorden que dejas, ¿Dónde está Marta?, Hierro, Auga Seca, La Unidad ou Néboa.
A visita enmarcouse no periplo institucional do equipo de Goberno de Ames polas empresas do concello. A experiencia serviu como toma de contacto e para buscar vías de colaboración entre ambas partes. Alcalde e concelleira coñeceron as instalacións deste estudo de postprodución e mantiveron unha xuntanza con Fernando Alfonsín, administrador da empresa.
O rexedor destacou “a calidade dos traballos realizados neste estudo de postprodución. É un orgullo para Ames contar con esta empresa xa que moitas das mellores series e longametraxes que se ven a nivel estatal nas diversas plataformas que existen na actualidade, pasaron por aquí para realizar traballos de postprodución. Temos que agradecer a Fernando Alfonsín a súa amabilidade na visita e por ensinarnos o traballo que realiza neste estudo”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, dixo “seguimos visitando as empresas do audiovisual e coñecéndoas polo miúdo. Agradecer a todas elas que sigan asentadas en Ames e aposten polo noso concello para seguir medrando”.

PUBLICIDADE